domingo, 6 de enero de 2013

Camiño a Saidir

     Por sorte, sempre houbo outros mundos dentro deste mundo. Ainda que a veces fose malo, é unha sorte. Sempre houbo mundos nos que a xente andaba cos pés para arriba. Mundos nos que a xente se saudaba de espaldas ou nos que saudarse era pecado. Mundos de terra, de papel, de letras. Mundos de números, de ferro, de sangue e cheiro a cera. Mundos fixos e mundos errantes. Incluso mundos que non existiron, ainda que existiran, e mundos que foron desexistidos.

     Houbo un pequeno mundo desexistido que se chamaba Saidir. A cidade de Saidir foi desexistida por Nabucodonosor II. Asolou a cidade, non se sabe aínda o por que;  e mandou homes a todos os puntos do mundo coñecido a que borrasen toda pegada ca cidade.

     Por sorte ou por desidia,os homes do rei babilonio deixaron unha pegada sen borrar, o que permitiu aos estudiosos reconstruír o camiño ata Saidir. No 1922, apareceron na acrópole de Atenas as follas dunha especie de diario dun mercader chamado Tireo que tiña viaxado a unha cidade preto de Babilonia: Saidir.

     Na descripción da cidade, Tireo contanos que era unha cidade de comerciantes. As xentes de Saidir ían ao zoco a comerciar co que fose, pero non tanto por ambición como por entrar en contacto cos seus veciños. Para os saidires, o comercio era unha ponte que os unía, unha porta aos seus veciños.

     Según escribe este comerciante no seu diario, se cada comerciante de Saidir vendese un gran de area do deserto, ainda quedarían comerciantes sen nada que vender. Na cidade dos comerciantes convivían tendas de carne, roupa e outros útiles diarios xunto con tendas de soños, de mentiras, de auga de mar, de redes invisibles... Tireo maravillábase destas tendas no seu diario. Non entendía que clase de maxia ou enxeños utilizaban, pero estes "vendedores de nada", como el os chama, vendían, efectivamente, o que prometían.

     Conta Tireo a súa experiencia en dúas destas tendas. Unha delas era de palabras. O vendedor tiña expostos cachos de algún tipo de fibra vexetal con palabras escritas. Había frases de toda clase, ditas e por decir. Cando Tireo quixo coller unha, esta comezou a arder e desfíxose. Ao intentar coller outra, as palabras marcharon voando.

     "As palabras que eu vendo buscan á lingua que as debe facer palabras e só por ela se deixaran decir. Non podes mercar palabras que non sexan túas. E ainda que puideras, non as poderás facer pasar por túas moito tempo. Queimaríanche a lingua ou fuxirían. Quedarías espido" -foi o que lle dixo o palabreiro.

     Máis adiante encontrouse cunha tenda máis exótica ainda. Dentro dunhas caixiñas de madeira cubertas de brea para que non vertesen seu contido, unha señora con máis anos vividos ca os que lle quedaban por vivir aseguraba vender bicos.

     Timeo mercou primeiros bicos de neno e de nena. Probou bicos tímidos e bicos forzados. Mercou bicos de nai. Bicos de amizade, de verdade e de mentira. E, efectivamente, eran bicos o que alí se vendía! Según Timeo, no medio daquelas caixiñas cerradas con tanto coidado había unha que estaba aberta. Timeo colleuna e alí non viu bico ningún. Cando o comerciante lle preguntou que clase de bico era aquel que non se vía, a vendedora explicoulle:

     "Ese roubáronmo de nova."

     Conta Timeo que, nese momento, un rubor vermello rouboulle á vendedora 20 anos da cara.

     Os estudosos ainda non entenden por que Nabucodonosor II destruíu Saidir. A cidade dos comerciantes era, verdadeiramente, máxica.









No hay comentarios:

Publicar un comentario